Convocante

Instituto Galego de Promoción Económica

Publicación

Diario Oficial de Galicia

Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto apoiar as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital, xa que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais. Considérase que o desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital repercute nas posibilidades de negocio das empresas, posibilita a presenza en mercados exteriores, facilita o acceso a clientes, reduce os custos de transacción e publicidade e permite abrir novas canles comerciais; achéganse así medios máis eficaces para a potenciación de actividades económicas internacionais e o incremento das exportacións. O obxecto último destas bases é o desenvolvemento e a implementación dun plan de Internacionalización dixital de empresa e as necesidades específicas en materia de márketing dixital internacional.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

  1. As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica.
  2. Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. As pemes deberán contar no devandito centro, polo menos, cun traballador por conta allea na data de publicación no DOG destas bases de axudas.
  4. Que teñan un importe de facturación no último exercicio con obriga de depósito de contas anuais no Rexistro Mercantil, ou de presentación da declaración da renda, como mínimo do dobre do proxecto presentado pola empresa na súa solicitude de axuda. Terase por cumprido este requisito cando exista unha achega por parte dos socios aos fondos propios da sociedade por un importe mínimo do dobre do orzamento do proxecto presentado realizada no ano natural anterior ao de presentación de solicitudes.
  5. Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
  6. Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación das solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.
  7. Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
Volver