O Programa está deseñado para que a persoa participante sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, aínda que será de gran axuda a aprendizaxe en grupo e o apoio do equipo facilitador.
Para lograr as competencias de liderado levará a cabo un itinerario con espazos e actividades individuais e grupais. Todas elas están deseñadas para lograr unha aprendizaxe efectiva e aplicable.
VIRADA LIDERADO inclúe:
- A aprendizaxe a través do proceso vivencial nos Encontros presenciais outdoor. Son espazos que pretenden propiciar un espazo vivencial próximo e de confianza, onde se traballen aspectos relacionados co plan de mellora persoal e ao fío do itinerario da formación nos Obradoiros de contidos sobre liderado.
- Obradoiros de contidos sobre liderado. Neste espazo de aprendizaxe ofreceranse enfoques e ferramentas prácticas sobre liderado. Realizarase unha mirada profunda e vivencial dos elementos que interveñen na nosa forma de pensar, comunicarnos e actuar, a nivel persoal e grupal.
- Plan de mellora de competencias persoais en liderado: Coaching persoal. Cada participante será guiado por un coach de maneira personalizada, co fin de indagar e reflexionar sobre a súa visión e práctica como líder. Trátase dun proceso persoal con gran repercusión na forma de pensar, sentir e actuar.
- Proxecto de mellora organizacional. Cada participante deseñará e levará a cabo un proxecto de mellora organizativa aplicado a súa organización, estreitamente relacionado co plan de liderado persoal e o desenvolvemento das habilidades traballadas durante a primeira parte do programa. Este proceso será guiado por un titor en titorías grupais.
A participación no programa leva 100 horas de dedicación: 75 horas presenciais e aproximadamente 25 horas de traballo persoal.
O programa está deseñado para compaxinalo co labor profesional, axudar a resolver situacións do día a día e compartir inquietudes con persoas afíns. Suporá, en certo xeito, un “respiro” na devandita labor.