Algalia participou como entidade docente na “Microcredencial Universitaria en Xestión Económico-Financeira da Cooperativa de Traballo Asociado”, unha iniciativa formativa promovida por EspazoCoop e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de fortalecer as competencias profesionais no ámbito da xestión cooperativa.

A formación, dirixida a persoas de entre 25 e 64 anos, desenvolveuse en modalidade en liña entre os meses de abril e maio para ofrecer unha visión práctica e aplicada sobre a xestión económica, financeira e societaria das cooperativas de traballo asociado. O programa forma parte das microcredenciais universitarias impulsadas pola USC dentro do marco europeo de aprendizaxe permanente e especialización profesional.

Por parte de Algalia participaron como docentes Javier Leis, Ángel Rodríguez, Rafael Carrasco e Celso Gándara, que achegaron a súa experiencia profesional e coñecemento especializado no ámbito da xestión de cooperativas e entidades de economía social.

A contribución de Algalia ao programa centrouse en aspectos específicos e diferenciais do modelo cooperativo, entre eles a xestión dos fondos cooperativos, a distribución de resultados, a figura das persoas socias de traballo, os sistemas retributivos e as condicións sociolaborais nas cooperativas. Ademais compartiu, en dous talleres prácticos, experiencias reais e ferramentas aplicadas vinculadas a estes ámbitos de xestión.

Con esta colaboración, Algalia reforza o seu compromiso coa formación especializada e a profesionalización do cooperativismo galego, contribuíndo a trasladar coñecemento práctico e experiencia directa a novas xeracións de profesionais e persoas vinculadas á economía social.

A iniciativa, impulsada por EspazoCoop e a USC, busca responder á crecente necesidade de formación específica en xestión cooperativa, combinando contidos académicos coa participación de entidades referentes do sector. A metodoloxía empregada facilita aprendizaxes transferibles á práctica profesional e mellora as capacidades de xestión e toma de decisións nas cooperativas.

Voltar