O futuro das entidades da discapacidade e da saúde mental pasa por afrontar importantes retos relacionados coa súa sustentabilidade, o financiamento, o talento e a súa capacidade de adaptación. Estas foron algunhas das cuestións abordadas o pasado 25 de setembro en IN-FUTURO: Encontros Sectoriais dá Discapacidade de Galicia, organizado pola Asociación Empresarial Galega de Entidades Non Lucrativas dá Discapacidade IN-REDE no Edificio Fórum, en Carballo.
Neste marco, Celso Gándara, xerente de Algalia S. Coop. Galega, analizou os principais resultados do estudo “Perspectivas do Terceiro Sector de Acción Social en Galicia”, realizado recentemente pola entidade en colaboración coa Facultade de Administración de Empresas da Universidade de Vigo.
O estudo recolle a percepción de 73 entidades do Terceiro Sector de Acción Social, unha mostra diversa en canto a tamaño, ámbito de actividade e estrutura. Os seus resultados identifican tanto preocupacións comúns como diferenzas vinculadas á dimensión das organizacións. Entre as principais oportunidades aparece a cooperación e a creación de alianzas, xunto coa procura de novas fontes de financiamento e a capacidade de responder a novas demandas sociais. Fronte a elas, o incremento dos custos, a posible redución do financiamento e as dificultades para captar profesionais sitúanse entre as principais ameazas percibidas polas entidades.
A súa intervención tamén puxo de manifesto un reto especialmente relevante: avanzar na transformación das organizacións. Mentres que cuestións como a formación, a calidade ou a igualdade contan cunha implantación significativa, a transformación dixital e a medición do impacto aínda presentan un menor desenvolvemento.
As conclusións apuntan así cara a unha axenda compartida para o sector, baseada en financiamento estable e diversificado, cooperación e redes, talento e profesionalización, e avances en dixitalización, transparencia e impacto. Ao mesmo tempo, o estudo destaca que as prioridades non son idénticas para todas as organizacións e que as respostas deben adaptarse ao seu tamaño e realidade.
A participación de Algalia en IN-FUTURO permitiu trasladar ao debate sectorial estes resultados e contribuír, desde o coñecemento acumulado xunto ás entidades da economía social e o Terceiro Sector, á reflexión sobre os cambios e oportunidades que marcarán o seu futuro.
O director xerente de In-Rede, Dominico Tinelli, rematou cun balance final moi positivo desta xornada, tanto pola afluencia de público como pola participación e a presenza de representantes de entidades, da Administración e de diferentes forzas políticas. Tinelli concluíu que “tras as intervencións quedou claro que o pacto salarial autonómico que necesitamos en Galicia é posible, porque existen exemplos noutras comunidades autónomas”.