A Asociación Española de contabilidade e Administración de Empresas (AECA) acaba de publicar o Documento n.º 9 da Comisión de Entidades Sen Fins de Lucro, titulado O destino de rendas e ingresos nas entidades sen fins lucrativos, unha nova publicación orientada a facilitar a interpretación e aplicación práctica dunha das obrigacións máis relevantes para as entidades do terceiro sector.
Na elaboración do texto participou Jorge Rodriguez, socio-responsable do Servizo económico na área Asesoría de Algalia, quen quixo explicar o obxectivo desta publicación e a súa función para as entidades:
- A que nos referimos cando falamos do destino de rendas e ingresos?
O destino de rendas e ingresos é unha obrigación que pretende garantir que os recursos económicos obtidos por unha entidade sen fins lucrativos utilízanse realmente para desenvolver as actividades que xustifican a súa existencia.
No caso das fundacións, a normativa establece, con carácter xeral, que deben destinar polo menos o 70% dunha determinada base de cálculo das súas rendas e ingresos ao cumprimento dos seus fins fundacionais. Esta aplicación pode realizarse durante o exercicio en que se obteñen os ingresos e os catro exercicios seguintes.
Tamén é unha obrigación relevante para as entidades que se acollen ao réxime fiscal especial da Lei 49/2002, entre elas as asociacións declaradas de utilidade pública.
Con todo, o cálculo non é tan sinxelo como aplicar unha porcentaxe aos ingresos ou ao resultado contable. É necesario determinar que ingresos deben computarse, que gastos poden deducirse e que recursos se destinaron efectivamente ao cumprimento dos fins sociais.
Hai ademais unha cuestión de fondo importante: as entidades sen fins lucrativos necesitan destinar os seus recursos á súa misión, pero tamén xerar unha certa capacidade de aforro que garanta a súa continuidade e sustentabilidade económica. Ambas as necesidades deben ser compatibles.
- Desde a túa experiencia en Algalia, cales son as principais dificultades que atopan as entidades sen fins lucrativos para xustificar que as súas rendas e ingresos destínanse aos seus fins sociais?
Unha dificultade importante é que a información necesaria para realizar estes cálculos non se obtén directamente da contabilidade financeira. É necesario complementala con información sobre as actividades desenvolvidas pola entidade e sobre os recursos económicos utilizados en cada unha delas, o que chamariamos contabilidade analítica.
Por exemplo, resulta fundamental diferenciar as actividades propias, directamente relacionadas cos fins estatutarios, daqueloutras actividades mercantís que poden desenvolverse para obter financiamento. Esta clasificación ten consecuencias importantes sobre o cálculo do destino de rendas e non é de execución clara tal e como se describen as diferenzas na normativa substantiva, fiscal e contable.
Outra dificultade habitual é a distribución dos gastos comúns entre as distintas actividades. Gastos de persoal, subministracións ou servizos xerais deben asignarse utilizando criterios obxectivos e razoables que reflictan o consumo real de recursos.
Tamén existen situacións especialmente complexas relacionadas cos investimentos. Cando unha entidade adquire un inmoble, un vehículo ou un equipamento destinado aos seus fins sociais, a forma de computar ese investimento depende, entre outros aspectos, de como fose financiada.
A estas cuestións engádense as diferenzas entre as regulacións aplicables ás fundacións estatais e autonómicas e as esixencias derivadas da normativa fiscal.
En definitiva, o problema non só está en determinar se unha entidade está a desenvolver actividades de interese xeral, senón trasladar, tamén, adecuadamente esa realidade aos cálculos e estados financeiros esixidos pola normativa.
- Que ferramentas, criterios ou recomendacións prácticas ofrece o documento para facilitar o cumprimento desta obrigación e mellorar a xestión económica das entidades?
Unha das principais achegas do documento é que aborda de xeito sistemático todo o proceso de cálculo do destino de rendas e ingresos, desde a determinación da base sobre a que se aplica a porcentaxe obrigatoria ata a identificación dos gastos e investimentos efectivamente destinados aos fins sociais.
Alén de explicar os criterios establecidos pola normativa, o documento analiza situacións concretas que xeran dúbidas e dificultades na súa aplicación: o tratamento dos investimentos, a distribución dos gastos comúns, as axudas concedidas a outras entidades, as plusvalías derivadas de operacións patrimoniais ou os ingresos que aínda non foron cobrados.
Tamén incorpora un caso práctico completo que permite comprender como se elaboran os estados financeiros correspondentes a dous exercicios económicos e como se comproba o cumprimento desta obrigación.
Considero especialmente relevante que o documento non se limita a explicar a regulación vixente. A Comisión tamén identifica algunhas das súas limitacións e expón propostas para mellorala. Este enfoque de análise e propostas de mellora na normativa é unha constante no traballo desta Comisión.
Por exemplo, analízanse as dificultades que poden producirse cando unha entidade realiza investimentos importantes nun exercicio, xerando un destino efectivo superior ao obrigatorio, ou cando determinados criterios contables xeran obrigacións de destino sobre ingresos que aínda non se materializaron.
Desde unha perspectiva de xestión, creo que o documento tamén reforza a importancia de dispoñer dunha contabilidade que permita coñecer os custos das diferentes actividades e programas. Non se trata unicamente de preparar correctamente as contas anuais, senón de dispoñer de información económica útil para tomar decisións.
- Que supuxo para ti participar na elaboración desta publicación de AECA e como contribúe este traballo para trasladar o coñecemento técnico ás necesidades reais das entidades do terceiro sector?
Cheguei á Comisión, alá por abril de 2011, xusto cando se estaba xestando o Plan Contable Adaptado para ESFL. Xa, desde o primeiro momento, a xenerosidade dos membros da comisión que estaban alí (catedráticos e profesores universitarios, auditores de contas, profesionais de recoñecido prestixio), permitiume achegarme a traballos moi relevantes para o sector non lucrativo e poder achegar o granito de area de Algalia, como profesionais implicados no devandito sector.
Agradezo moitísimo participar na Comisión de Entidades Sen Fins de Lucro de AECA polo que supón de oportunidade para compartir coñecementos e experiencias con fabulosos profesionais procedentes de ámbitos tan diversos.
Esta diversidade permite abordar as cuestións técnicas desde diferentes perspectivas e contrastar as interpretacións normativas cos problemas que aparecen na súa aplicación práctica.
Desde Algalia traballamos habitualmente con fundacións, asociacións e outras entidades da economía social, acompañándoas na súa xestión económica e no cumprimento das súas obrigacións contables e fiscais. Esta experiencia permítenos identificar dificultades concretas e trasladalas a espazos de reflexión técnica como a Comisión de AECA.
Ao mesmo tempo, participar nestes traballos permítenos incorporar novos coñecementos, contrastar criterios e mellorar o asesoramento que prestamos ás nosas entidades clientes.
Creo que este intercambio entre coñecemento académico, interpretación normativa e experiencia profesional é especialmente valioso nun sector caracterizado por unha gran diversidade de organizacións e por unha regulación que, en ocasións, non se adapta suficientemente ás súas particularidades.
