a)   REXISTRO DE ENTIDADES DEPORTIVAS: CANCELACIÓN

O 15 de marzo a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia publicaba no D.O.G. a cancelación rexistral no Rexistro de Entidades Deportivas e a perda do recoñecemento deportivo oficial de miles de entidades deportivas de todas as provincias e todas as prácticas deportivas que non tiñan os seus estatutos e regulamentos adaptados ao disposto na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e non llo tiñan comunicalo ao Rexistro.

Como consecuencia, as federacións deportivas galegas, de conformidade co disposto no artigo 48 da Lei 3/2012, do deporte de Galicia, deben dar de baixa a aquelas entidades deportivas afiliadas a cada federación cunha única excepción: a afiliación terá vixencia ata a finalización da competición oficial en que figuren inscritas, e única e exclusivamente para efectos deportivos.

Este proceso que arrancaba en 2012 coa nova lei está actualmente na súa recta final, posto que só caben dúas opcións:

  • ou ben a entidade deportiva individualmente formula recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, é dicir, ata o luns 16 de abril de 2018, expoñendo os motivos razoables polos cales se debería rectificar a cancelación e manter o rexistro (ou directamente recurso contencioso administrativo, en vía xudicial, ata o luns 14 de maio de 2018)
  • ou ben causará baixa rexistral –e, en consecuencia, federativa-

b)   FEDERACIÓN: BAIXA

E o remate deste proceso acontecerá con dous fitos finais:

  • a Secretaría Xeral para o Deporte remitirá a cada federación a relación de entidades canceladas rexistralmente
  • cada federación deportiva deberá proceder á baixa desas entidades

c)    ENTIDADES: E DESPOIS, QUE?

O que acontece logo da cancelación rexistral e baixa federativa, en resume, é o seguinte:

  1. A primeira consecuencia directa á  cancelación rexistral: a entidade perdería o seu recoñecemento como entidade deportiva e debería iniciar un novo procedemento de inscrición conforme á normativa actual, procedemento para o cal a Administración facilita ampla información a través do propio Rexistro de Entidades Deportivas.
  2. A segunda, derivada da anterior, será a imposibilidade de participar en competicións federadas: debe lembrarse que a entidade cancelada rexistralmente e de baixa federativa poderá rematar a competición actual, pero non poderá iniciar a seguinte mentres non regularice a súa situación.
  3. A terceira podería vir nos aspectos relacionados coas eleccións federativas, pois unha entidade deportiva que estivese no censo provisional, pero despois causase baixa, xa non podería votar nas eleccións (a diferenza dos e das deportistas individuais, pois estes loxicamente non causan baixa).
  4. Unha cuarta podería afectar ás e aos deportistas, porque poderían ter consecuencias nas competicións –se fose obrigatorio competir por club, por exemplo-, ou mesmo para o seu seguro, polo cal sería conveniente revisar as condicións en cada federación, cada entidade ou mesmo cada deportista para avaliar a consecuencia concreta no caso concreto.
  5. E mesmo podería haber outras implicacións en relación coa posible existencia de subvencións, convenios ou outros financiamentos públicos ou privados, de ser o caso e en función das condicións de cada subvención, convenio ou financiamento, circunstancia que tamén cada federación, entidade ou deportista debería avaliar individualizadamente.

d)   COMO FACER?

Tomando en consideración todo o anterior, pode ser útil para unha entidade:

  1. Confirmar se a túa entidade está entre as afectadas por este proceso.
  2. Consultar coa túa federación.
  3. Adaptar a normativa da entidade –se está en prazo para facelo- conforme ao PR946B Modificacións do rexistro de entidades deportivas ou iniciar un novo procedemento de inscrición –se xa non está en prazo para facer a adaptación agora-, para o cal será preciso:
    • Adoptar uns acordos formais por parte do órgano competente dentro de cada entidade, en particular para:
      • incorporar a regulación do destino dos recursos económicos dos clubs ao cumprimento dos seus fins estatutarios
      • especificar as regras económicas esenciais do club
      • concretar o destino do patrimonio do club para o caso de disolución
      • adaptarse á lei o réxime de responsabilidade de directivos e socios, o disciplinario e o de impugnación dos acordos diante dos órganos competentes da federación e diante do Comité Galego de Xustiza Deportiva
    • Elaborar as certificacións e documentación correspondente derivado deles, para o cal podes localizar aquí modelos oficiais da Secretaría Xeral para o Deporte.
  4. Comprobar que as persoas inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas como membros do órgano de goberno do club deportivo –a Xunta Directiva ou outra figura similar que poida ter a entidade- son as mesmas que na actualidade e, para o caso contrario, previamente efectuar unha regularización rexistral, actualizando eses datos polo seu procedemento rexistral.
  5. Dispoñer de sinatura dixital ou de Chave 365, porque a presentación debe facerse telematicamente.

Confiamos en ter achegado dende ALGALIA o noso graíño de area para esta fase final e mais para o futuro e que vos poida ser de utilidade.

Santiago Míguez
Responsable do Sevizo Xurídico de  Algalia S. Coop. Galega

 

 

Voltar